Pedro Feijoo

"MEMORIAS, LUMES, FILLOS E OUTRAS HISTORIAS DO NOSO"

Escritor. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago.

Deuse a coñecer como ensaísta, anque o seu recoñecemento chegaría grazas á súa obra como novelista.

Autor de títulos como Os fillos do mar, A memoria da choiva, Un lume azul ou Ninguén contará a verdade, obra pola que recibiu o prestixioso Premio Xerais de Novela. Todos os títulos teñen a súa versión en castelán.

O éxito da súa publicación máis recente, Donde nacen las bestias (Penguin Random House, 2025), consolidouno como un dos novelistas con maior proxección no panorama literario español. A súa versión en galego Onde nacen as bestas, foi publicada pola editorial Xerais.

Carmen Blanco Sanjurjo

"GORRIÓNS E FALCÓNS. A GRAN REVOLTA IRMANDIÑA"

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago.

Despois de exercer en Santiago, Madrid e Sevilla como avogada, regresa a Galicia para traballar en diversas empresas privadas. Dende o 2011 xestiona un negocio familiar: A Taberna de Caaveiro, en pleno corazón do parque natural Fragas do Eume, no propio Mosteiro de Caaveiro.

Compaxina a súa actividade como actriz e dramaturga. Formada na Escola de Teatro de Narón, escribe, interpreta e dirixe numerosas obras teatrais. Recibe o premio de teatro infantil O Facho pola súa obra A Fuga e o premio de teatro radiofónico de RTVG pola obra A primeira vez.

Tras unha labor de investigación e escritura de case cinco anos, publica coa editorial Ediciones del Viento a novela histórica Gorriones y Halcones, sobre os acontecementos que deron lugar á revolta irmandiña na Galicia do século XV.  

Alejandro Paadín

"DÚAS MIL VENDIMAS: COMO O VIÑO MOLDEOU A ECONOMÍA E CULTURA GALEGAS"

Enxeñeiro de Deseño Industrial e Executive MBA.

Alejandro Paadín transforma o rigor técnico en paixón polos viños. Á fronte de Paadín Eventos S.L., nos últimos 15 anos impulsou catas e formación en máis de 30 países de 4 continentes, proxectando o viño galego no mundo. É autor dos libros Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia (+25.000 exemplares e 13 edicións no mercado 2012-2025), Lagares Rupestres de Galicia: As Pedras que facían viño (2017), Guía de productos agroalimentarios de Excelencia da Reserva da Biosfera (2022) e Guía de vides y manzanos para la elaboración de vinos y sidras tradicionales en las reservas de la biosfera españolas (2025).

Tamén é voceiro habitual en SER Radio Coruña e redactor de enoturismo na revista Traveling (presente en cruceiros e compañías aéreas de Europa), combina prestixio de sumiller con xornalismo especializado. Cada proxecto seu entrelaza método, narrativa e emoción para demostrar que o viño é ciencia, cultura… e futuro.

José Zoilo

"A FIN DA GALLAECIA ROMANA"

Biólogo tinerfeño e novelista.

Compaxina a súa profesión no ámbito administrativo da agricultura e desenvolvemento rural, coa publicación, dende 2019, de novelas históricas que chegaron a venderse en máis de 30 países.

Publicou con Ediciones B (Penguin Random House) as novelas: El Alano (2019. Premio ó mellor debut no xénero en español no 2019 nas Jornadas de Novela Histórica de Pozuelo de Alarcón), Niebla y acero (2019), El Dux del fin del mundo (2019), El Nombre de Dios (2020. Premio Los Cerros de Úbeda á mellor novela histórica en España no ano 2020), Lordemano (2021. Premio Ciudad de Cartagena no 2022). Con Edhasa ten os títulos: La frontera de piedra (2023. Premio Narrativas Históricas Edhasa 2023) e Hijos de la luna no 2025.

Dende o 2020 colabora con diferentes medios e institucións. Membro da Asociación Escritores con la Historia, coordina un taller literario coa UNED en Tenerife e colabora no programa de radio Objetivo La Luna e no Blog de Historia Militar, Bellumartis.

Lidia Merenciano

"BAIXO OS NOSOS PÉS: UNHA VIAXE POLO TEMPO SOTERRADO"

Graduada en Arqueoloxía e en Antropoloxía Física (diversidade e evolución humana).

Dende o ano 2022 especialízase na divulgación cultural e científica en redes sociais, onde destaca o seu traballo de recuperación e difusión da arqueoloxía, a historia e a evolución humana. Con máis de medio millón de seguidores en plataformas dixitais, conseguiu baixar á terra a academia e demostrar que a arqueoloxía e a historia están vivas e presentes en todos os ámbitos da vida, máis alá das universidades e os laboratorios. 

A súa primeira novela, Penélope (2024, Ediciones B), é a perfecta fusión da ficción e a realidade arqueolóxica, un traballo que recompila vestixios escritos e materiais para narrar unha historia mitolóxica endexamais contada. Colaborou na obra Mito, Arte y Cultura para la reconstrucción de la esperanza (2025, Rhemata), onde o pasado sirve de ponte para axudar aos afectados da DANA de Valencia.

Xosé Iglesias Lamela

"POEMAS PARA DESCRIBIR UN MAR SENTENCIADO A MORTE"

Mariñeiro da Galiza. Un home de mar curtido na Costa da Morte. Coa paisaxe do monte Pindo e o da fin do mundo como imaxes evocadoras e fieis na súa escrita. Sabe dos oficios milenarios como o embalo, a arte do xeito ou as pezas do pión porque dende pequeno mamou o oficio. Tamén mamou o remo. E os mares atlánticos do norte. No mar a poética é parte inseparable de todo o horizonte. Descifrala non ten porque ser tarefa difícil. Poucos oficios están tan ligados ás fases da lúa, á velocidade do vento, á presión atmosférica ou ó mesmo día-noite.

De todas esas conxuncións naceron os seus poemarios mariñeiro-atlanticos. Tranfusión Oceánica (2014) e Relixión do Mar (premio Victoriano Taibo 2016). No 2021 un libro de poesía visual abisal, Nación Mar. No 2022 publica un poemario ilustrado adicado aos 12 faros da Costa da Morte, Luces da Costa Da Morte e un poemario adicado ás baleas, ó amor e á soidade, Atlántico Norte, Chamádeme Ismael. No 2025, un álbum ilustrado, Nao Cetácea, unha gran homenaxe aos navíos, peixes e cetáceos.

Bieito Romero

“A MÚSICA CELTA: UN MODO DE FACER QUE NOS MARCOU”

Comeza na música con 13 anos, interesado nas músicas galega e celta. Participa en diferentes revistas, asociacións e colectivos da época. Paralelamente, continúa a súa formación musical actuando en grupos locais. No 1986, funda Luar Na Lubre. Ao mesmo tempo, forma parte de agrupacións folclóricas e etnográficas, coma o Ballet Gallego Rey de Viana  ou a Asociación folclórica Xacarandaina. Como profesor de gaita, crea a Banda de Gaitas Os Rexumeiros. Crea o colectivo coruñés O Son da Terra.

Colabora, dende os 90, coas emisoras Onda Cero, Cadena SER e Radio Galega. Dende 2003 encárgase da dirección e locución dos programas Un mundo de músicas Músicas de raíz emitidos en Radio Voz Galicia. Foi cofundador de varios locais de hostalería entre os que destaca A Cova Folk. 

Publica Xeometrías Máxicas de Galicia (2009) e Simboloxía Máxica en Galicia (2019).

Como compositor, conta no seu haber con máis de 250 temas. O Son do Ar é a canción instrumental de orixe galega da que máis versións se fixeron no mundo. Mike Oldfield abre o CD Voyager cunha adaptación deste tema. En 2010 compón e grava a Banda Sonora da película DoentesEn Luar Na Lubre exerce como compositor, músico e produtor. A formación ten acadado multitude de premios.  No 2025 a palabra “Lubre” foi recoñecida pola RAG.

Merche Espiño

"ROSALÍA DE CASTRO, CONXENSE E PICHELEIRA"

Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesora de Lingua e Literatura Galega nos institutos Ramón Cabanillas de Cambados, no Mixto de Ribeira. En 1982 obtén praza no IES Eduardo Pondal de Compostela, onde se xubila en 2016.

Colaborou no Programa de acollida do alumnado estranxeiro que acadou no ano 2007 o 2º premio na V Edición do certame Educacompostela. En 2011, polo traballo Espazos recuperados en Santiago de Compostela obtivo o 1º premio á innovación educativa da Consellaría de Educación, na modalidade de fomento do plurilingüismo. Activista da lingua, pertence á asociación Mesa. Ten formulado e dirixido roteiros polas diferentes Compostelas: a de Rosalía de Castro, a das Irmandades da Fala, a de Francisco Asorey ou a de Daniel Castelao. Anosou obras teatrais e colaborou en publicacións de revistas e xornais como Andaina, Raiola, Revista Galega de Educación, Gran Enciclopedia Gallega, semanario Sermos ou xornal Nós Diario. Conta tamén con artigos en Internet. Publicou os libros Aprender palabras e significados (1990), 1410 nomes galegos de home e de muller (1993) e Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro (2021).

Fernando Patricio

"NAUFRAXIOS DA COSTA DA MORTE. EPICENTRO CAMELLE"

Nado no barrio de Monte Alto, medrou escoitando as historias dos mergulladores, percebeiros e mariñeiros de San Amaro, e as dos traballadores do Muro herculino. De moi novo principiou na pesca submarina, descubrindo numerosos restos de pecios. Formou parte desta sección no Clube do Mar de San Amaro. Actualmente, é o presidente da AC Naufraxios Galegos de Camelle.

Activo colaborador da prensa escrita, radio, audiovisual e da Internet. É autor das obras: Manual do alumno de mergullo con tubo (1999); Historia da costa galega e dos seus naufraxios. S.I – S.XIX (2000); Historia da costa galega e os seus naufraxios. S.XX (2004); Escarnio. La tragedia gallega del Prestige (2005); Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899 (2016); coautor xunto a Xabier Maceiras do libro: De Liverpool a Sisargas. A derradeira travesía do Priam (2014); O mergullador Atlántico (2021); A historia marítima baixo as nosas augas, coleccionable de Nós Diario (2021); Na escuridade das ondas. A traxedia do pesqueiro La Isla no mar da Torre de Hércules (2024).

Julio Rodríguez Taboada

"PASEO: UNHA OLLADA MATEMÁTICA AOS MONUMENTOS DE COMPOSTELA"

Profesor de matemáticas en secundaria dende o ano 1989, con destino actual no IES As Barxas de Moaña.

Presidente de AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Matemáticas) dende o ano 2021 e da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) dende o ano 2022.

Participante como organizador, poñente e membro do comité científico en numerosas actividades de formación do profesorado, a nivel autonómico, nacional e internacional.

Membro do grupo de traballo da FESPM sobre rutas matemáticas.

Coautor dos libros Las matemáticas del arte. Más allá  del número de oro e Cuentos Geométricos.

Coautor de diversas publicacións centradas nas relacións entre as matemáticas, a arte e o entorno do alumnado.

Christian Gálvez

“A VIDA DUN APÓSTOLO”

Presentador de televisión, actor e escritor.

Intercala a narrativa histórica con outro tipo de publicacións, nomeadamente ensaio e divulgación. Na súa extensa traxectoria destacan Sin-vergüenzas por el mundo (Espasa, 2010), Que la historia te acompañe (Espasa, 2011), Tienes talento: cómo sacar lo mejor de ti mismo de la mano de Leonardo da Vinci (Alienta, 2013), Matar a Leonardo da Vinci (Suma de letras, 2014), El pequeño Leo da Vinci (11 volumes, Alfaguara); Rezar por Miguel Ángel (Suma de letras, 2016) e Leonardo da Vinci (2017).

Foi presentador de programas tanto de radio como de televisión. Na súa faceta de actor conta con colaboracións en varias series e na película Cigüeñas.

En maio de 2014 entrou a formar parte da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión de España. Membro tamén do Leonardo DNA Project, do Consello Internacional de Museos (ICOM), da Asociación Española de Museólogos e da Alianza Americana de Museos.

Te he llamado por tu nombre (Suma de Letras, 2024) é a súa última novela.

Rodrigo Costoya

DIRECTOR DE COMPOSTELA HISTÓRICA

Escritor, divulgador e profesor.

Docente dende o ano 2000, desempeñou diversos cargos directivos no ensino público durante catorce cursos académicos. Actualmente imparte docencia no Ciclo Superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva do IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela.

Como escritor, obtivo o primeiro premio no Certamen Internacional de Novela Histórica de Úbeda en 2020, con El custodio de los libros (Misarela, en galego).

Obra literaria en galego: Portosanto, 2017, Editorial Toxosoutos. Misarela. s, 2021, Editorial Galaxia. O século do milagre, 2025. Editorial Pàmies.

Obra literaria en castelán: El custodio de los libros, 2020, Ediciones Pàmies. Hijos de Gael, 2021. Editorial Espasa. Grupo Planeta. Portosanto, 2022. Ediciones Pàmies. La última reliquia, 2024. Ediciones Pàmies. El siglo del milagro, 2025. Ediciones Pàmies.