Por que Compostela Histórica?

A narrativa histórica é un medio de lle transmitir ao gran público un coñecemento profundo e fiable sobre a historia dos pobos. Sobre a propia, a allea e mesmo sobre a máis descoñecida. Alén da educación formal, que non sempre amosa ser o xeito máis eficaz para estender a cultura histórica entre a poboación, existen no sector audiovisual diversos formatos que poden contribuir a esta causa. Series, películas, documentais. E, a xulgar polos datos de público, parece que viven un bo momento.
Outra cousa será o rigor das informacións que achegan.
No tocante á literatura, a realidade é distinta. A novela histórica é o xénero que mellor pode subsanar estas eivas, pero o seu alcance non adoita ser global (agás casos contados). De aí que xurda a idoneidade de complementar o seu potencial con outras accións que acheguen ao gran público os autores e autoras, así coma a súa obra. Accións que faciliten o acceso aos contidos que narran. Ás épocas pasadas. Aos feitos históricos. Aos grandes personaxes.
Galicia é un territorio cunha riqueza histórica inabarcable e unha literatura recoñecida universalmente. Porén, a narrativa histórica non está ao nivel desta realidade. Nin en cantidade e calidade de produción, nin en alcance entre a poboación. A novela histórica en galego e sobre Galicia non deixa de ser un subxénero minoritario.
Por isto decidimos impulsar unhas xornadas históricas en Compostela, cunha temática centrada na historia de Galicia e do Camiño de Santiago: para lle ofrecer á nosa xente unha visión distinta do seu pasado. Para que teñan acceso aos mellores autores e autoras e á súa obra.
Rodrigo Costoya
Director de Compostela Histórica




