Arantza Portabales
"O NOIR GALEGO, UN XÉNERO PROPIO "
Compostela. Funcionaria en excedencia da Escala Superior de Finanzas da Xunta.
Iníciase como escritora no 2013, no xénero do microrrelato. A súa novela en lingua galega, Sobrevivindo (Galaxia 2015) resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia. En 2017 o seu relato Circular C1: Cuatro Caminos- Embajadores gañou a XVIII edición do Certame de Narración Breve da UNED. No 2017, o microrrelato As Musas resultou gañador anual do Concurso da Microbiblioteca de Barberà do Vallès. Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017) foi traducida ao castelán por Lumen. Tamén ao italiano, ao hebreo e ao alemán e levada ao teatro pola Compañía Tanttaka. En 2019, publicouse Beleza vermella (Galaxia), conxuntamente coa tradución ao castelán (Lumen). Foi publicada tamén en italiano, checo, ruso e portugués. Conseguiu o premio Frei Martín Sarmiento de novela no ano 2021.
En 2020 publicou un libro de relatos en galego e castelán ilustrado por Javier Zabala Historias de mentes (Editorial Bululú). En 2021, publicou A vida secreta de Úrsula Bas (Galaxia), que saíu o mesmo día coa editorial Lumen na súa versión en castelán. Neste ano tamén resultou gañadora do premio Manuel Murguía de relato con obra Xanelas e de novo alzouse co premio da Microbiblioteca de Barberà do Vallès co microrrelato Los que observan. En 2022 publicou en galego e castelán (Editoriais Galaxia e Lumen) a versión ampliada da súa primeira novela, Sobrevivindo, que alcanzou no 2023 o premio Tormo Negro Masfarné á mellor novela negra no Festival das Casas Aforcadas de Cuenca. En 2023 publicou O home que matou a Antía Morgade (Editoriais Galaxia e Lumen). En 2025 publicou Asasinato na Casa Rosa e en 2026 Asasinato no muiño do cura (Galaxia e Lumen en galego e castelán respectivamente).
Miguel Ángel Cajigal - Barroquista
"OUTRA HISTORIA "
Historiador da arte.
Membro do Consello Internacional de Museos (ICOM) e do Consello Internacional de Monumentos e Sitios, é técnico da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Foi recoñecido co Premio EDE ao Mellor Educador Dixital de España (2022) e o Premio Zapping ao Mellor Comunicador na Rede (2025).
Colabora en programas como “Julia en la Onda” (Onda Cero), “Galicia por Diante” (Radio Galega) e “Sukha” (TVE), e en medios como Historia National Geographic. Formou parte do equipo do programa de divulgación histórica “El Condensador de Fluzo” nas súas cinco temporadas.
É autor da triloxía “Otra historia”, formada polos libros Otra historia del arte (2021), Otra historia de la arquitectura (2023) e Otra historia de la música (2025), publicados por Penguin Random House.
Nieves Muñoz
"O REI OLVIDADO DE GALIZA"
Nieves Muñoz de Lucas naceu en Valladolid en outubro dun ano no que xa había democracia neste país. Ten a inmensa sorte de compaxinar un traballo remunerado e vocacional (é enfermeira de coidados intensivos neonatais e pediátricos) con este modo de vida que é crear e contar historias.
A súa primeira novela histórica foi Las batallas silenciadas. Nela retrata a Primeira Guerra Mundial nos hospitais de campaña. Gañadora do premio «mejor escritor novel 2019» Hislibris.
Las damas de la telaraña, un fresco do primeiro terzo do século XX cunha trama de espionaxe na Bélxica ocupada. Finalista Los cerros de Úbeda «mellor novela histórica 2023»
Na súa última novela Cantigas de sangre, da un xiro para adentrarse no século XI e relatar a lenda do cerco de Zamora. Unha loita fratricida polo trono que quedará na memoria colectiva grazas ó canto dos xoglares. Publicada por editorial Edhasa y premiada como «mejor novela histórica 2024» Pozuelo de Alarcón por Escritores ca historia.
Héitor Picallo
"O GRAAL E O ESCUDO DO REINO DA GALIZA"
O Baño – Cuntis, 1974
É enxeñeiro técnico naval pola UDC, ilustrador e escritor.
Son obras súas, entre outras: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (Laiovento 2008); Coa lingua na terra (Toxosoutos 2013), No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (Fervenza 2018); O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional (Sermos Galiza 2021); Cartografía Ideolóxica de Xosé Lois García (Laiovento 2025) e Urraca: Totius Gallecie imperatrix (Sermos Galiza 2025).
Traballos seus ven a luz en revistas como Adra, Annuarium Sancti Iacobi, Compostellanum, Conimbriga, Murguía, El Museo de Pontevedra, A Trabe de Ouro... Conta cos premios de xornalismo Máximo Sar (2005) e Reimóndez Portela (2012). É padroeiro do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas.
Arantza Fernández Crespo
"A HABANA CAPITAL DE GALIZA"
Natural da Coruña, licenciada en Filoloxía Hispánica (1992) pola USC e Filoloxía Galego-portuguesa (1993) pola UDC. Comezou como normalizadora lingüística no Sindicato CC.OO. de Galicia (1995-2004), que compaxinaba coa docencia de cursos de lingua e cultura galega para adultos (CelGa) e a tradución de libros de texto.
Entre 2005 e 2009 foi lectora da Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana, onde impartiu docencia de lingua galega, organizou actividades culturais e impartiu conferencias entre a colectividade galega de Cuba e institucións cubanas. Saliéntase a participación na “Feria Internacional del Libro de La Habana-2008", evento polo que a Cátedra Galega recibiu o Premio de Excelencia Académica da UH.
Ao rematar o lectorado impartiu docencia en Eslovaquia como profesora de lingua e literatura españolas a través do programa “Colexios Bilingües de Europa Oriental”. Dende 2015 reside permanentemente en Cuba; é profesora asistente na Facultade de Artes e Letras da UH. Para rescatar a memoria histórica e o patrimonio inmaterial galego existente en Cuba coordina os seguintes proxectos:
- “A pegada galega na Habana”, roteiros a pé pola cidade resaltando o patrimonio inmaterial galego, en colaboración coa Oficina do Historiador de la Ciudad.
- “Mulleres galegas e Cuba. Legado e transcendencia”, coloquio anual de investigacións para o rescate de relevantes migrantes e descendentes galegas en Cuba, en colaboración co Palacio do II Cabo.
- “Arquivo da Memoria Galega en Cuba”, en colaboración coa Federación de Sociedades Galegas de Cuba para a preservación do patrimonio documental das sociedades galegas existentes en Cuba.
Alexandre Nerium
"MARIÑEIROS DE FISTERRA"
Poeta e mariñeiro, comezou a súa andaina poética no Batallón Literario da Costa da Morte, do que foi presidente. Ten colaborado en revistas como Dorna ou Atenea, entre outras. Tamén é director do Museo do Mar na vila de Fisterra (Castelo de San Carlos).
Obra poética: Vogar de couse, 2003, Espiral Maior; Detrás da néboa o felo, 2008, Amastra-N-Gallar; Nocturnidade do sal, 2008, Sotelo Blanco.
Premios: Premio de poesía Johán Carballeira no 2002, ex aequo con Carlos Negro, por Vogar de couse. Premio Antón Zapata García do Concello de Laxe. Premio Rosalía de Castro. Premio Meigas e trasgos. Premio Faustino Rey Romero no 2002, por Vaga en espiral. Premio de poesía Anduriña Voandeira no 2003. Premio Manuel Orestes Rodríguez López.
Soledad Felloza
"ARREDOR DE OTERO"
Narradora oral, actriz, fotógrafa e xestora cultural. Reside en Galicia desde hai máis de vinte anos, onde desenvolve unha intensa actividade arredor da palabra contada e da divulgación do patrimonio material e inmaterial.
É directora do Festival Atlántica, encontro internacional de narración oral que desde 2013 reúne en Galicia artistas de diversos países e promove a relación entre oralidade, memoria e territorio. Ademais, preside NOGA, a Asociación de Narración Oral Galega.
Como fotógrafa especializada en patrimonio e creadora escénica, participa en proxectos que exploran os vínculos entre historia, paisaxe e tradición oral. O seu traballo, desenvolvido en Europa e América e África, está marcado polo interese na transmisión da memoria e na recuperación das voces e relatos que conforman a identidade cultural das comunidades.
Manuel Gago
"UNHA HISTORIA DE GALIZA EN 7 OBXECTOS"
Palmeira, Ribeira, 1976. Xornalista, profesor da USC, escritor e comisario de exposicións. Manuel Gago é director de culturagalega.gal e coordinador de contidos dixitais do Consello da Cultura Galega, así como profesor na facultade de CC. da Comunicación na USC.
Especializado na divulgación histórica e nas tecnoloxías dixitais, é autor de obras de ficción como Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, O anxo negro, O exército de fume ou Nus (Xerais), e de ensaios como Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora, 2012, en coautoría con Xurxo ayán), ou Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante, 2026). Como comisario de exposicións, ten dirixido proxectos como Galicia 100. Obxectos para entender unha cultura (Consello da Cultura Galega, 2016), Alba de Gloria de Castelao, unha experiencia (Consello da Cultura Galega, 2018), Galicia, un relato no mundo (Cidade da Cultura, 2019) ou o proxecto de sete exposicións Cidades no tempo (Cidade da Cultura e Afundación, 2020-24).
Emma Lira
"CERVANTES, ALMANZOR, GALIZA"
Din que aprendín a contar historias antes que números. En canto souben plasmalas en palabras, decidín que quería escribir. Polo camiño atrapáronme a historia, a xeografía e a memoria dos nosos pasos pola Terra. Souben que tiña que viaxar para empaparme de tódolos acentos do mundo. E que tiña que volver para contalo de cando en vez.
Traballei en prensa nacional e acabei no marketing. Escribín reportaxes para distintos medios, dirixín revistas corporativas e licencieime como escritora de guías de viaxes para Lonely Planet. Tamén crucei o círculo polar Ártico e o muro do Sáhara Occidental, aterricei no deserto como copiloto dun ultralixeiro e crucei media África nun coche destartalado. Recorrín Europa, Turquía, o Kurdistán, Siria e Xordania. Somerxinme en pecios, atravesei selvas guineanas, perdinme nos zocos marroquís, mergulleime na tráxica historia de Sudáfrica e no pasado de Etiopía, a cabalo entre a historia e a lenda. Vivín o credo suní en Arabia e a alma persa en Irán. Tamén chorei de emoción en Tiro, onde empezou todo. Na actualidade escribo reportaxes para National Geographic e verto a miña imaxinación en novelas de trasfondo histórico: Búscame donde nacen los dragos (2013), Lo que esconden las olas (2015), Espejismo, viaje al Oriente desaparecido (2018), Ponte en mi piel (2019), El último árbol del paraíso (2020), La luna sobre Roma (2024), El cautivo (2025) e a máis recente, La luz de Medina (2026), premio Edhasa de Narrativas Históricas.
Ángel Carracedo
"XENES, LINGUAS E HISTORIA"
Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC). Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia). Coordinador da infraestrutura IMPaCT-Genómica (ISCIII). O grupo que dirixe (Medicina Xenómica) consta de 10 subgrupos de investigación e varias plataformas tecnolóxicas de máis de 150 persoas. Director do Grupo de Xenómica do CIMUS e do IDIS e do CIBERER.
Co-director científico da Fundación Kaertor (para a busca precoz de fármacos), Presidente da Fundación INGADA, entre outras. Publica 8 libros e máis de 900 artículos en revistas internacionaies.
Premios: Rey Jaime I de investigación, Adelaide Medal, Galien Medal, Medalla de Ouro de Galicia, Premio Nacional de Xenética entre outros. Doctor Honoris Causa por oito universidades de Europa e América (en España a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade de Cantabria)
Instituto Galego Arxentino "Santiago Apóstol
"MEDRAR EN GALEGO NA ARXENTINA"
Estudar e medrar en galego no corazón de Buenos Aires é posible grazas ao Instituto Santiago Apóstol, onde centos de alumnas e alumnos (tanto descendentes de familias galegas como doutras nacionalidades) poden completar os seus estudos de Nivel Inicial, Nivel Primario e Nivel Secundario no edificion onde se atopa o cadro de Castelao "A derradeira lección do mestre", actualmente cedido en Pontevedra de xeito temporal.
Para falarnos da súa experiencia en primeira persoa temos en Compostela Histórica un grupo de alumnos e alumnas de último curso do Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires.